A diabete nos colexios



A Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (co apoio da Federación Galega de Diabéticos) solicítalle e solicitoulle xa en varias ocasións á Consellería de Educación a creación un protocolo de actuación para regular a atención aos nenos con diabete nos centros educativos de Galicia (tal e como xa existen noutras comunidades autónomas do territorio español e noutros países).
Esta asociación considera urxente que a Consellería de Educación regule a atención que precisan os nenos con diabete nos centros de ensino, xa que ata o momento dependen da boa vontade dos profesores/as para poderen mirar os niveis de azucre, inxerir alimentos en clase, actuar ante hipoglicemias leves, actuar ante hiperglicemias... Unhas atencións que precisan de supervisión segundo as idades dos nenos e as súas circunstancias persoais e médicas.
Anedia espera que a Consellería acepte aprobar un protocolo que especifique como se farán as atencións que precisan estes nenos/as durante o horario escolar para que a súa saúde non corra perigo e poidan facer as mesmas actividades que os demais alumnos/as con total normalidade e seguridade.
A escola é un dos ámbitos máis importantes para o neno/nena/adolescente con DM1, pois é onde pasa a meirande parte do día, onde tamén necesitan seguir controlando a súa enfermidade e ter a seguridade de que se van previr as posibles situacións agudas e complicacións que puidesen presentarse, por iso resulta necesario que os distintos membros da comunidade educativa conten con coñecementos e habilidades suficientes para proporcionar un contorno escolar seguro e que se conte cun protocolo de actuación para este alumnado que garanta as súas necesidades e a igualdade de oportunidades durante a xornada escolar.
A DM1 non afecta en absoluto nin ás capacidades intelectuais, nin de aprendizaxe, nin de adquisición de habilidades, de forma que a condición de persoa con DM1 non impide ao neno/a e ao adolescente seguir os seus estudos con plena normalidade, sempre e cando se teñan en conta unha serie de necesidades destes nenos/as derivadas dos seus niveis glicémicos puntuais. Atendendo a isto debemos considerar e ter sempre presente que o proceso de escolarización constitúe un aspecto fundamental dos nenos/as e adolescentes, xa que incide na súa calidade de vida, integración social e desenvolvemento persoal.
Este protocolo que consideramos IMPORTANTÍSIMO (non só para nós como pais e nais, senón tamén para os mestres/as e equipos directivos das escolas que teñen que elaborar un protocolo para o seu alumno/a sen axuda de ninguén nin unha guía previa de por onde debe ser enfocado) debe ser un traballo multisectorial que recolla as posibles situación que se poden dar nos centros educativos en relación coa diabete, así como as medidas de promoción e educación para a saúde, de apoio e traballo conxunto. E debe ser sempre personalizado para o alumno/a en concreto
Tamén consideramos que é fundamental a realización de diversas actividades formativas para os docentes e outros profesionais dos centros de ensino. Que inclúa información sobre a alimentación, os horarios e as restricións dos nosos nenos/as, as súas peculiaridades á hora de facer exercicio, o tratamento da diabete, as situación especiais que poden atopar (excursións, festas, vómitos).

Asinado
A xunta directiva de ANEDIA
Algunhas ligazón interesante sobre este tema son (preme na imaxe para ver o artigo completo):
http://www.estusanidad.com/secciones/pacientes/el-cole-suspende-en-atencion-a-la-diabetes
http://www.fundaciondiabetes.org/general/actividad/33/estudio-de-las-necesidades-del-nino-con-diabetes-en-edad-escolar-2014-2015


http://www.teinteresa.es/espana/DIABETES-NORMATIVA-ESCUELAS-RESPONSABILIZARSE-ALUMNOS_0_1339066682.html
http://www.diarioinformacion.com/opinion/2015/04/09/diabetes-gran-excluida-aulas/1618862.html?fb_action_ids=1130341423658715&fb_action_types=og.shares

Ningún comentario:

Publicar un comentario